de la República Argentina
Castelao, Bos Aires
A Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina conmemora este mes de xaneiro do 2021 ao Castelao da Arxentina.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950 non foi alleo á migración, pois moi cedo na súa vida o seu pai emigrou a Arxentina e a finais de 1895 Daniel viaxou canda súa nai para ir vivir co pai en Bernasconi, na Pampa. Ambos embarcaron, como tantos emigrantes, no porto de Vilagarcía de Arousa no bote Lloyd Norte, propiedade dunha empresa alemá.
Tiña eu once anos cando meu pai, que estaba na Arxentina, nos chamou cabo de si; e alá fomos embarcados miña nai e mais eu, nun paquete alemán.
— Castelao, O segredo.
Durante a estadía da familia na Arxentina nacerían as súas únicas irmás: Josefina (1897-1972) e Teresa (1898-marzo 2000). Residiu na Arxentina até o 1900 e alí, segundo el mesmo conta, descubriu o valor da caricatura lendo Caras y Caretas, onde Xosé María Cao Luaces publicaba as súas caricaturas.
E foi o destino que quixo que voltara en 1940, xa exiliado, logo dun periplo onde non atopou acougo, á Arxentina para residir en Bos Aires os seus últimos anos de vida. O noso guieiro foi soterrado no cemiterio da Chacarita en 1950 nun mes de xaneiro.
E agora vou facervos a miña confesión de emigrado galego. Sentinme refuxiado nos EE.UU.; pero aquí son un emigrante, porque estou sempre rodeado de galegos e deste xeito síntome en contacto coa miña terra. E aínda que morrese aquí, os meus ósos irían ó camiño de esqueletos que une a Galicia coa Arxentina. Pero son feliz porque teño a esperanza de morrer na miña terra. Eu hei de ir alá, cando sobre a miña patria alumee o sol da liberdade e nos vales do meu país resoe o aturuxo da vitoria.
— Castelao
Recordamos ao Castelao neno e anciá que foron arxentinos e galegos na nosa ofrenda anual, o 7 de decembro, perante o seu busto na praza que leva o seu nome no centro porteño. Unha ofrenda que por mor da terrible pandemia non puido ser coa música e danzas coas que agasallamos ao artista e político que viviu a emigración e o exilio en busca da “Galiza Ideal”.
One Reply to “Castelao, Bos Aires”