de la República Argentina
Diego Martínez premio Cultura na Emigración na Festa da Palabra.
O premio Cultura Galega na Emigración, da Fundación Ínsua dos Poetas, durante a súa XIII “Festa da Palabra” celebrado n´O Carballiño (Ourense) foi outorgado a Diego Martínez Duro, presidente da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina, e foi recollido por Luís González Tosar no seu nome.
O pasado 3 de xullo a Ínsua dos Poetas celebrou un ano máis a Festa da Palabra, que estivo dedicada aos Seis poemas en galego de Federico García Lorca. Na paraxe desbordante de natureza e esculturas dos máis ilustres artistas galegos déronse cita os premiados desta nova edición, autoridades, artistas, escritores, músicos e veciños, que disfrutaron dunha xornada literaria e de exaltación da cultura galega.
No ano 2007 o poeta Luís González Tosar concibe a idea de crear un espazo cultural de uso público nunha leira da súa propiedade, situada na parroquia de Madarnás (O Carballiño), e coñecida co nome da Ínsua. Este proxecto materialízase na fundación A Ínsua dous Poetas que preside o propio González Tosar e na que están presentes representantes do mundo das letras e as artes así como amigos persoais do poeta. O fin primordial da fundación é conseguir un proxecto singular no que nun espazo en plena natureza, a literatura dialogue coas artes plásticas e coa creatividade en xeral. A isto súmase promover actividades diversas relacionadas co cinema, o teatro, o medio ambiente e con todo aquilo que supoña apoio á cultura galega
Luis González Tosar saudoua a todos os asistentes lembrando a figura do republicano granadino asasinado. Disculpaba a ausencia do mantedor, Xesus Alonso Montero, e daba lectura ao seu panexírico, referíndose a “un poeta universal que decidiu falar na nosa lingua”. Tosar adiantaba que a XIV edición da Festa da Palabra rendirá homenaxe ao grupo Brais Pinto.
O acto incluíu tamén a inauguración da escultura de Soledad Penalta, que interpreta, de maneira simbólica, o fondo sentimento e a gran altura literaria de Federico García Lorca.
Cada un dos premiados recibía unha peza de Acisclo Manzano. Recibiron o premio Yolanda Castaño, Premio de Literatura; María del Carmen González, en representación do Orfeón do Carballiño, Premio de Música; en Iniciativa Social, representantes da Fundación Amaranta; en Comunicación o recibiu a periodista de La Región, Maribel Outeiriño; en Emprendemento, Marisol Novoa, presidenta da CEO e en Artes Plásticas, a título póstumo, foi para Vidal Souto, que o recolleu a súa irmá María Carmen; e o presidente da FAGRA Diego Martínez, Cultura en Emigración, que recolleu o seu amigo Tosar. Lembramos que
Francisco Lores Mascato, foi distinguido co mesmo premio no 2015.