de la República Argentina
Día da Patria Galega
O pasado sábado 30 de xullo despois de dous anos sen poder celebrar o Día da Patria Galega, por mor da pandemia, fixemos a nosa xuntanza anual. O Teatro Bambalinas, ao carón da sede da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina (FAGRA) na rúa Chacabuco do porteño barrio de San Telmo, encheuse. O numeroso público asistente amosou as ganas por xuntarnos nesta a nosa festa máis emblemática.
Foi tamén o primeiro Día Nacional da Galiza tralo noso centenario e contou coa especial colaboración da Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas e da Tuy-Salceda Asociación Mutual, Cultural y Recreativa.
Honrounos coa súa presenza unha nutrida representación das diversas asociacións da colectividade galega de Bos Aires; o presidente de Tuy-Salceda, Horacio Saltarelli, o da Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión, Carlos Ameijeiras, o da Asociacion Hijos del Ayuntamiento de Oleiros, Nahuel Espiño, o vicepresidente do Centro Galicia de Bos Aires, Fernando López Pereira, ademais dos directivos de Zas e da Asociación Navia de Suarna de Ayuda Mutua.
A gala foi conducida por Mercedes Vázquez Moure, que presentou a Horacio Saltarelli e o noso presidente, Diego Martínez, para que, coas súas verbas, deran inicio o acto.
Destacaron que celebrábamos a festa do Día da Galiza logo de dous anos sen poder facelo e coa intención de seguir coas actividades conxuntas, que se veñen celebrando dende o ano 2016 entre a FAGRA e a Asociación de Tuy-Salceda.
A continuación puidemos desfrutar das actuacións da Coral Semente da FAGRA, que comezaron có Himno galego, facendo que o numeroso público se puxera en pé. A foliada chegou coa Agrupación Baixo Miño, que foi seguida no escenario do Teatro Bambalinas por Estróupele, o corpo de baile da FAGRA coa dirección de Jimena Millara Alvarado, Dúas Beiras, o noso conxunto de gaitas e percusión, a cargo de Natalia Barrera, e o Ghrupo do Mileño, as cantareiras comandadas por María Fernanda Lores. Música e baile tradicional galego, interpretando xotas, muñeiras e pasodoble.
Subiron e baixaron do escenario dandose paso os uns aos outros coa xolda que temos por costume os galegos e galegas. Uníronse finalmente, esparexéndose entre o escenario e o patio de butacas, para facer bailar ao público asistente. E para rematar esta esmorga polo Día da Patria recuperamos enerxías coas gorentosas rosquillas e a revitalizante queimada.