de la República Argentina
Visita de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega
Recibimos a visita de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), na sede da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FAGRA) en Chacabuco 955, no porteño barrio de San Telmo.
Rosario Álvarez asumiu o pasado 11 de xullo o seu segundo mandato desta institución, que é un organismo oficial independente destinado a dinamizar a lingua e a cultura de Galiza na sociedade e asesorar aos seus poderes públicos, para inmediatamente facer unha viaxe a Arxentina.
Esta pontevedresa é Catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela. É especialista en gramática e variación da lingua galega. Membro da Real Academia Galega desde o ano 2003, con funcións de coordinadora do Seminario de Gramática (desde 2003), Tesoureira (2013-2017) e directora da Sección de Lingua (desde 2013). Incorporouse ao Plenario do Consello da Cultura Galega en representación do ILG (2008) e foi Vicepresidenta (2010-2018) e presidenta do Consello da Cultura Galega desde 2018.
A viaxe deu inicio o mércores pasado, día 13, cun acto na Legislatura de la Ciudad de Buenos Aires na que recibiu o título de ‘Huésped de Honor’. Como lle prometera na visita a Galiza realizado polo noso presidente, Diego Martínez, veu visitar a Federación e o Museo da Emigración Galega na Arxentina “Francisco Lores” (MEGA). Comezou os contactos coa directora do MEGA, Mabel Otero, durante a súa ponencia, titulada ‘Galicia: lengua, cultura e identidad’, no Centro Galicia de Bos Aires o martes, e o mércores 20 deprazouse a nosa sede.
Xunto có subdirector do museo, Miguel Chiloteguy, e o presidente da FAGRA percorreron as instalacións do edificio que acolle as diversas sociedades históricas da colectividade galega, o museo, maila Biblioteca Galega de Bos Aires “Antonio Pérez-Prado”, representada por Otilia Ares e Gastón Rodríguez. Coas explicacións de Miguel Chiloteguy e Diego Martínez interesouse polo noso traballo de conservación, e difusión, da cultura galega que a emigración aportou a Arxentina. Veu acompañada de Ruy Farias, doctor en historia da Universidad Nacional San Martín (UNSAM). Donou a biblioteca facsímiles de escritores galegos e recibiu libros como agasallo. Amais deixou a súa firma no Libro de Honor da FAGRA onde escribiu que a Federación é o “lugar emblemático da presenza dos galegos no mundo, nesta capital da cultura galega que foi Bos Aires”.
Con esta visita institucional chegada de Galiza reforzamos os lazos de colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a FAGRA. Amais de todo iso colaboramos na mostra que o día 21 de xullo inaugurase no Museo Larreta de Bos Aires que, có título de “Materiales Seoane. Entre Galicia y Argentina”, amosa o traballo do artista arxentino-galego Luis Seoane que estivo fortemente vinculado á histórica, e centenaria, Federación de Sociedades Galegas da que somos herdeiros.